Tuesday 07 de May de 2024

A terceira edición do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa bota a andar este outono en Bruxelas e Santiago


Técnicos da administración pública, a empresa e o terceiro sector recibirán formación sobre a presentación e xestión de proxectos europeos e coñecerán o funcionamento das institucións comunitarias

A terceira edición do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, terá lugar entre os días 19 e 23 de setembro en Bruxelas e os días 5 e 6 de outubro en Santiago de Compostela, organizada unha vez máis pola Fundación Galicia Europa (FGE). Serán uns 20 novos profesionais galegos do sector público e privado e do terceiro sector os que se formen nesta última edición de TecEuropa, que dende a súa creación en 2015, ten por obxectivo formar técnicos especializados na presentación e xestións de proxectos europeos, consolidar redes de especialistas neste eido e atraer financiamento para iniciativas galegas.

O programa consta de dúas partes. A primeira, que terá lugar na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, consiste nunha semana de formación sobre a realidade político – institucional da UE, o marco financeiro orzamentario 2014-2020 e os programas de financiamento existentes, todo isto complementado con visitas as institucións europeas. A segunda parte, que terá lugar en Santiago de Compostela, terá un marcado compoñente práctico e incidirá na redacción e presentación dos proxectos.

A metade dos 20 técnicos de entidades públicas e privadas galegas que participan no programa proveñen de entidades membro do padroado da Fundación, como a Xunta de Galicia, as Cámaras de Comercio ou a Deputación de Lugo, e a outra metade de entidades dedicadas á I+D+i, tales como a Fundación Biomédica Galicia Sur, Energy Lab e a Universidade da Coruña. Ademais, no programa participarán técnicos do terceiro sector como a Fundación Meniños e a Fundación Uxío Novoneyra. Completan a lista de participantes a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, a Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia), a Deputación de Pontevedra, o Centro Integrado de Formación Profesional Someso e XesGalicia.

Con esta formación, a FGE quere mellorar e afianzar a participación galega en proxectos europeos para o que é esencial contar cunha rede de especialistas en asuntos comunitarios capaces de sacar o máximo proveito posible ás oportunidades de financiamento que ofrece a Unión Europea.

A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.